Benvidos amantes das ciencias e dos saberes universais. Comezamos con este pequeno proxecto, con este cigoto ou semente de algo que esperamos se desenvolva rapidamente, coa esperanza de fomentar o interese polas ciencias da poboación en xeral, canto menos daqueles que dean en pasar por este illote no mar da información que é Internet.
Aquí, tratarase de explicar, divagar, divulgar, divertir, debatir, e un longo etcétera, sobre temas científicos, pero sempre con entusiasmo. Intentaremos plantexar os asuntos pertinentes coma se unha dourada e loura cervexa nos invitase a disertar e a volvernos tolos diante dunha barra nunha conversación de amigos. Ese tipo de conversacións que na universidade nos animaban a seguir estudando ciencia e, a maior parte das veces, a pedir outra caña (ou o que procedese).
Coidamos que ante as sabias e escuras mesas de madeira das tabernas santiaguesas se forxou unha paixón, ou polo menos se viu reforzada. Unha paixón que atopou nos recunchos dos bares a súa ágora particular. Un reduto onde a filosofía tiña cabida e o interese desinteresado de coñecer animaba as nosas tertulias.
Non nos consideredes uns vividores, pois soamente deste xeito, coa desinhibición que dá a xuventude e o hedonismo, se desata a maxia que esconde o coñecemento. Ademais, non renunciaremos ao rigor. Iso xamais. Denantes mortos que pouco rigurosos.